Patinaje

Orgullosos da magnífica tempada pasada na que medramos moito como clube, adentrámonos con máis forza e ilusión que nunca na nova tempada 2017/2018.

Botando unha ollada ós nosos comezos, xa son 4 anos dende aquel decembro do 2013 no que comezou esta andaina chea dos soños dun xove grupo de nenas/os e a súa adestradora, sempre apoiados polas familias e a F.P.R El Olivo.

Na actualidade, forman parte do noso clube uns 90 patinadores con idades que abranguen dende os 3 ós 20 anos. Ademáis, contamos cun grupo de patinaxe para adultos en conxunto co C.E.P Celso Emilio Ferreiro e dous grupos de danza que seguen pisando forte en cada exhibición e aportan ás nosas patinadoras un maior control postural, así como o dominio das súas capacidades físicas, rítmicas e expresivas.

Os comezos de tempada sempre son época de reencontros despóis das vacacións de verán e de coñecer a novos compañeiros/as.  Para iso, o clube organiza xornadas de preparación física no parque de Castrelos, nas que a través do xogo cooperativo búscase a integración dos novos compañeiros/as e sobre todo de primeira toma de contacto para retomar o deporte, mellorando as capacidades físicas para comezar a tempada da mellor forma posible.

O noso equipo técnico, está composto por adestradores cualificados e cunha ampla experiencia nesta disciplina deportiva, busca sempre transmitir aos  patinadores/as  a motivación que lles empurre a acadar os seus obxectivos disfrutando con cada logro e aprendendo con cada caída.

Cada ano os nosos patinadores/as participan en diversas exhibicións ao longo de toda a tempada: Nadal, Día do Patín, Clausura… Nestes eventos os nenos disfrutan dunha  xornada divertida aprendendo, melloran a súa seguridade na pista e foméntase a motivación que lles aportan os aplausos dunha grada sempre repleta pola nosa mellor afición, as familias.

O Olivo ofrece a día de hoxe distintas modalidades da patinaxe segundo os obxectivos dos patinadores/as (competicións federadas ou aprendizaxe nos nosos grupos de escola divididos en categorías).

Os alumnos federados que practican a modalidade de libre-individual participan en distintas fases de nivéis e competicións ao longo de toda a tempada, onde ademáis de aprender disfrutan dese sentimento de equipo co que as nosas nenas demostran ser unhas especialistas en valores como o compañerismo, o cal xa é a esencia do noso clube alá onde imos.

Durante a tempada 2016/2017 as nosas patinadoras de individual participaron nas tres fases de nivéis organizadas pola Federación Galega de Patinaxe. Ademáis fumos invitados a diversas competicións, nas que as nosas campionas acadaron moi bos resultados grazas ó seu esforzo e ó apoio incondicional das familias.

Como novidade, e acadando así o obxectivo proposto na tempada pasada, este ano iniciámonos na categoría de grupos Show cun grupo que arrancou con moita forza e ilusión, e que debutóu  no Trofeo Rosaleira de Mos representando a súa coreografía “Beetlejuice”. Noraboa a todas as nenas e a seguir na mesma liña de traballo.

É  un orgullo para nós ver como os patinadores, adestradores e familias pouco a pouco foron formando unha piña na que cada parte é unha peza esencial que fixo unha fin de tempada de campionato.

Queremos agradecer ao Concello de Vigo a súa colaboración nas exhibicións do clube, ao centro de aprendizaxe  Kumon o seu patrocinio e a todos os colaboradores: AcPack,  AsistentCar, deportes Ducks, frutería la Huerta, Frutas Nieves e NordicSolutions, sen esquecernos  das familias e a directiva da F.P.R El Olivo. Grazas!

Sen máis, despedímonos non sen antes lembrar que a patinaxe segue amosando ser  unha disciplina moi completa e divertida  que fóra do mundo da competición non esixe grandes cualidades físicas, polo que resulta un deporte moi atractivo e saudable aberto a todas as idades. O importante é botarlle ganas e ilusión. A nivel competitivo o esforzo, a perseverancia, o compromiso e o afán de superación seguirán sendo os ingredientes principáis para que cada adestramento vaia sobre rodas.

Así que xa sabes, se estás disposto a dar o paso neste maravilloso deporte e unirte a esta gran familia, non dubides en pedir información sobre os nosos horarios de adestramento realizados no complexo deportivo das Travesas, na oficina do Olivo: c/Otero Pedrayo, nº 5 ou chamando ós números de teléfono 986237778/676618868. ¡Agardámoste!

Versión para imprimir Versión para imprimir | Mapa del sitio
©® www.fprelolivo.com

Llamar

E-mail

Cómo llegar